A praza de Ravella xa agarda para festexar a vixésimo quinta edición da súa xa célebre Toma das Uvas ás 12.00 da mañá.
Este evento convertéuse nunha tradición ineludible e pioneira referente en toda España. Agárdanse máis de 4.000 persoas chegadas de todos os recunchos de Galicia para despedir o ano de forma anticipada.
Neste 2025, a celebración adquire un matiz especialmente emotivo ao conmemorar 25 anos desta celebración.
A organización quere facer un aceno a aquel modesto inicio en 1998, cando un grupo de persoas voluntarias da concellería de Xuventude decidiu xuntarse para festexar o fin de ano ao mediodía.
Desde entón, a iniciativa foi gañando adeptos de forma exponencial, pasando dunha sinxela xuntanza a un evento multitudinario.
A concelleira de Cultura, Sonia Outón, resumiu a súa relevancia ao afirmar que "despois de San Roque, as Uvas son o momento máis mediático do ano".
Pola súa banda, o alcalde, Alberto Varela, destacou que a Toma das Uvas xa é "algo moi vilagarcián", subliñando o carácter compartido e acolledor da festa, que naceu do desexo de "celebrar o fin de ano coa nosa xente" e de "compartir".
Varela recalca o seu espírito pioneiro: "Hai máis sitios nos que tamén se toman as uvas ás 12 da mañá, pero nós fomos os primeiros".
O programa festivo comezará ás 11:00 horas, ofrecendo unha hora de animación constante a cargo de Borja Santamarina, quen exercerá de DJ, e dos presentadores Carlos Blanco e Erea Hierro.
As pantallas instaladas na praza exhibirán imaxes que transportarán o público aos inicios da festa e a diversas edicións da Toma, ata chegar ao presente 2025. Antes do momento culmen da toma das doce uvas, coa correspondente explicación do proceso, haberá varias actuacións.
O evento contará coa participación doutros talentos vilagarciáns ben coñecidos. Pablo Somoza Trío será o encargado de poñer a banda sonora á parte final da festa, despois do tradicional brinde polo Ano Novo.
Tamén se sumarán o grupo de animación sociocultural Nydia e Nelson Quinteiro e o seu grupo, quen ademais son os responsables de dar vida á Aldea de Nadal. Borja Santamarina, máis alá da súa faceta como DJ, e os Mozos de Arousa tamén terán a súa participación estelar.
Para o momento da despedida do ano, repartiranse un total de 400 quilos de froita en bolsiñas individuais con doce uvas, ademais de cava para o brinde.
Unha hora despois da Toma das Uvas, pasada a unha da tarde, o grupo de Nelson Quinteiro protagonizará un desfile polas principais rúas da cidade, estendendo a celebración máis alá da praza de Ravella.
Como parte da decoración da praza, instalarase un acio xigante de uvas, de 3,5 por 7,5 metros de alto.
Aínda que inicialmente se valorou a posibilidade de realizar unha solta destas uvas inchables como parte da conmemoración das 25 edicións, a organización decidiu finalmente que non serán liberadas.
O alcalde explicou que, a pesar de contar con certificados que garantían a biodegradabilidade do caucho natural, a decisión de non soltalas débese a que "non queremos que por algo que é puramente decorativo ninguén se vaia apartar por iso", despois das críticas realizadas polo grupo municipal do BNG á solta de globos.