A alcaldesa de Sanxenxo solicitará asesoramento xurídico para analizar a viabilidade de aboar as axudas económicas para familias con fillos menores ao seu cargo correspondentes ao período 2010-2011. Así o confirmou Catalina González tras a reunión mantida este luns cos reclamantes das contías correspondentes a ese curso dado que "moralmente entendemos a reivindicación destas familias xa que anunciamos no seu día unha nova convocatoria das prestacións de 720 euros porque a nosa intención era continuar con este programa, que despois foi eliminado".
Tal e como comentou a rexedora, é certo que o expediente promovido pola Concellaría de Benestar Social contén a proposta de aprobación destas subvencións incluíndo o listado de posibles beneficiarios, que non chegaron a recibir o diñeiro posto que non se dispuxo da partida presupostaria correspondente.
E é que o informe económico financeiro do servizo municipal de Intervención, solicitado hai uns días pola Concelleira de Benestar Social, apunta a que nos exercicios 2010 e 2011 "no consta reconocimiento ni crédito alguno para esta finalidad". O documento ratifica ademais que en 2012 todas as subvencións foron suprimidas por esixencia do plan de axuste do Concello de Sanxenxo.
"A finalidade de pedir asesoramento xurídico é a de saber si existe algunha posibilidade de pagar estas axudas, tendo en conta que foran convocadas e que contamos cunha listaxe provisional de persoas que cumprían cos requisitos esixidos nas bases", apuntou Catalina González, quen emprazou aos peticionarios a unha nova reunión que terá lugar nos próximos días, unha vez que dispoña da información xurídica requirida.