A APDR pide ao Concello e á Deputación que non colaboren con eventos subvencionados por Ence

Pontevedra
21 de novembro 2018

A Asociación pola Defensa da Ría lamenta que o Concello de Pontevedra colaborase co Torneo internacional de Tenis do Casino Mercantil e a Deputación Provincial coa Semana da Ciencia, organizada pola Misión Biolóxica/CSIC, que contan con apoio económico de Ence

VI Torneo Internacional Junior ITF de Tenis no Mercantil
VI Torneo Internacional Junior ITF de Tenis no Mercantil / Mónica Patxot

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) emitiu un comunicado no que reclama ás administracións que eviten colaborar en actividades subvencionadas por Ence. Segundo sinala o colectivo que preside Antón Masa, a empresa pasteira tenta "a compra de vontades e de silencios, a única forma que a pasteira ten que tentar invisibilizar o conflito que mantén coa cidadanía de Pontevedra e da comarca" promocionando determinados eventos.

Neste sentido, lamenta que o Concello de Pontevedra e a Deputación patrocinen e colaboren no Torneo internacional de Tenis do Casino Mercantil, que se realizaba en outubro nas instalacións desta sociedade e que a Deputación tamén colabore coa Semana da Ciencia, un evento organizado pola Misión Biolóxica/CSIC, organismo público dependente do Goberno central.

Ambos os actos contaban co apoio económico de Ence e a participación de estas institucións públicas.

Ante esta situación, a APDR pide ás administracións públicas que non colaboren con Ence e que retiren o seu apoio económico e de calquera outro tipo aos actos nos que a empresa interveña. Ademais, piden que transmitan aos particulares, asociacións, empresas, clubs deportivos e outras entidades que deixarán de colaborar con quen participe no "lavado de imaxe" da empresa pasteira.

"Non podemos normalizar a campaña de compra de vontades de Ence, nin aceptar a súa prepotencia e o seu aproveitamento hipócrita das necesidades eocnómicas de asociacións e entidades sociais", conclúe o comunicado.