A Sección Segunda da Audiencia Provincial vén de desestimar o recurso de apelación interposto por Víctor Pedreira Crespo contra o auto ditado polo Xulgado de Instrucción número dous de Pontevedra, polo que se acordaba o sobresemento da denuncia penal formulada por el contra o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), o doutor Isauro Gómez Tato e os membros do Tribunal, en relación co concurso público convocado para cubrir a praza de xefe de servizo de Psiquiatría de dito Complexo.
Segundo informou o CHOP, no auto de sobresemento, o Xulgado de Instrución establece que "examinadas as actuacións así como o resultado das investigacións non pode chegarse á conclusión de que os feitos denunciados teñan encaixe en ningún dos delitos relacionados coa denuncia e que, polo tanto, non se pode establecer que se detectara unha resolución inxusta".
A Sección Segunda da Audiencia Provincial confirma na súa totalidade do auto de sobresemento ditado polo Xulgado de Instrución, tamén apoiado polo Ministerio Fiscal, e establece, entre outras cuestións, "que non se manifestan indicios racionais da presenza dun delito de tráfico de influencias".
Esta resolución é firme e contra a mesma non cabe recurso.
Tras esta resolución da Audiencia Provincial, que pon fin ao procedemento iniciado pola denuncia formulada por Víctor Pedreira, os denunciados reservan o dereito de estudar a adopción das medidas legais que poidan ser oportunas contra o denunciante.