A Banda de Música de Tenorio estrea local

Cerdedo Cotobade
17 de outubro 2021

O alcalde Cubela satisfeito pola "funcionalidade e beleza" da remodelación deseñada polos arquitectos de Xesteira, Luisma e Juanjo Piñón, que fixeron que o edificio gañara en operatividade e servizo

A Banda de Música de Tenorio estrea local
A Banda de Música de Tenorio estrea local / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, os músicos da Banda de Música Unión Musical de Tenorio e membros da Corporación Municipal inauguraron o edificio remodelado que dará acubillo ás actividades formativas e de funcionamento desta senlleira agrupación musical que preside, Manuel Pazos Nores.

O acto inaugural consistiu no descubrimento dunha placa conmemorativa, feito realizado conxuntamente polo alcalde, Jorge Cubela e o presidente da Banda ao tempo que os membros desta agrupación, situados no remodelado escenario, interpretaban o himno de Galicia.

Esta obra, deseñada polos arquitectos locais, máis concretamente da Xesteira, Luisma e Juanjo Piñón, permite mellorar as instalacións existentes na Escola de Música de Tenorio e seguir co fomento da educación musical e outro usos de carácter sociocultural que antes se atopaban moi limitados.

As melloras realizadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade permiten dotar ao edificio de espazos axeitados para acoller os ensaios, as clases de música, así como as oficinas e instalacións administrativas e de almacenaxe de instrumentos, coa aplicación de melloras substanciais.

O alcalde, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción polo acabado da obra executada pola empresa pontevedresa Eicrós Gestión, S.L., gañadora do concurso público feito polo Concello ao que concurriron 5 empresas, e animou aos músicos e mestres a seguir co labor formativo e musical en mellores condicións que as que tiñan antes.