A cabra tira ao campus

Pontevedra
09 de decembro 2019

Os chibos cruzaron a avenida de Compostela para seguir pastando nos xardíns da zona universitaria

Cabras no campus universitario de Pontevedra PontevedraViva

Os servizos de xardinería do campus universitario de Pontevedra atopáronse esta mañá cuns inesperados axudantes. Mentres os operarios segaban a herba e perfilaban os sebes, un famento rabaño de cabras plantouse na parte traseira da facultade de Ciencias Sociais para devorar as follas dos loureiros que adornan a zona verde que bordea ao edificio.

Os animais, segundo as explicacións dos propios xardineiros, deberon de escaparse dalgunha das leiras ao lado oposto da avenida de Compostela e, despois de cruzar a estrada, irromperon no campus. "Están marcadas, así que teñen dono", explicaba un dos traballadores. Os propios alumnos que saían de clase ao redor das 13 horas, constataron o carácter manso dos chibos que entre bocado e bocado, deixábanse acariñar polos sorprendidos estudantes.

Despois de encherse os estómagos a base de follas de loureiro, o rabaño desprazouse á zona verde situada á entrada do campus, onde seguiron pastando á espera da chegada dos responsables de seguridade do campus, aos que alertaron os propios xardineiros.