A campaña electoral condiciona a inauguración das obras da Praza de Barcelos

Pontevedra
23 de maio 2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves que as obras de reforma da Praza de Barcelos están "a piques de finalizar". Este domingo comezará o pintado de todos os viais e a instalación dos sinais

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves que as obras de reforma da Praza de Barcelos están "a piques de finalizar".

Este domingo comezará o pintado de todos os viais e a instalación dos sinais. Ademais estase rematando a conexión de gas que demandou unha comunidade de veciños, correspondente co edificio número 9, unha actuación que "atrasou un pouquiño as cousas".

De modo que a próxima semana deberían estar terminadas as obras e o Concello fará unha recepción administrativa oficial, pero non organizará un acto de inauguración porque "estamos en plena campaña electoral" e a LOREG desde a convocatoria das eleccións e ata a celebración das mesmas prohibe calquera acto de inauguración de obras e a realización de campañas institucionais para evitar a incidencia dos poder públicos neste proceso electoral.

Por tanto, non se vai a facer ningunha inauguración, por agora. Porque o alcalde xa comentou que no goberno local "xa pensaremos se máis adiante facemos inauguración ou non. Pasada a campaña".

O alcalde destacou a importancia da reforma de Barcelos, que tiña "o único lastro que quedaba practicamente toda a cidade". Esta praza "estaba en moi malas condicións" e con esta mellora aproveitouse tamén para incrementar o espazo público ampliando as beirarrúas. "Eu creo que está a quedar moi ben, con todas as medidas pertinentes de accesibilidade e con nova iluminación", comentou Lores.

O rexedor da capital lembrou que a reforma desta praza non estará completa aínda porque o Concello vai esperar polo proxecto definitivo de conexión con Santa Clara para acometer este último espazo cunha entrada ao antigo cenobio das Clarisas que pretende que sexa "o máis digna posible". 

"Falamos coa Deputación porque temos interese en que se coordinen eses traballos", dixo o alcalde que insistiu en que o Concello de Pontevedra brindará "a máxima colaboración, mesmo colaboración económica para facer esa conexión de Barcelos". 

Por último, o alcalde puxo en valor a renovación acometida en todos os servizos soterrados que hai nesta praza e tamén resaltou que o Concello xa fixo o seu parte para que sexa agora Fenosa a que acometa o traslado do transformador eléctrico existente no recinto educativo do Colexio de Barcelos. "O compromiso do Concello está feito", subliñou Lores.