A CIG denuncia que Treves sanciona tres dos seus delegados con intención de influír nas eleccións sindicais

Pontevedra
21 de marzo 2014

Aos tres delegados, entre os que se atopa o presidente do comité de empresa, David Couñago, se lles abre un expediente sancionador por falta grave que supón 6 días de suspensión de emprego e soldo

Delegados da CIG en Treves co sindicalista Rafael Iglesias
Delegados da CIG en Treves co sindicalista Rafael Iglesias / PontevedraViva
Delegados da CIG en Treves denuncian movementos da empresa para que haxa un cambio no comité /

O sindicato CIG, maioritario no comité de empresa de Treves, denuncia que a empresa abriu expedientes sancionadores de suspensión de 6 días de traballo e soldo a tres dos seus delegados na fábrica auxiliar de Citroën, por unha falta grave por entender que incorreran en desobediencia ao opoñerse a traballar despois de que a empresa desconvocase a entrada do expediente de regulación de emprego (ERE). Segundo os representantes sindicais, o aviso produciuse con só 14 horas antelación incumprindo a normativa.

Os tres traballadores sancionados son representantes sindicais da CIG, entre os que se encontra o presidente do comité de empresa, David Couñago. E xa anunciaron que recorrerán esta sanción nos 20 días de prazo que se contemplan pero, segundo afirmaba Rafael Iglesias da CIG, temen que a empresa intente aplicar a sanción de suspensión de 6 días de emprego e soldo durante o período de eleccións sindicais, que se inicia o 31 de marzo e finaliza o 15 de maio.

David Couñago indicaba que "a empresa desexa un cambio no comité de empresa dende hai anos. Cada vez que hai un proceso de eleccións se queren cargar á CIG porque facemos cumprir a lei e mellorar as condicións de traballo".

Agora mesmo encóntranse na negociación do convenio colectivo en Treves e o presidente do comité apunta que "a empresa ven con condicións moi duras aplicando a reforma laboral do PP pura e dura e nós estamos a darlle para atrás e con outros lles sería máis fácil".

Ademais, os representantes sindicais indican que se están a incumprir acordos que tiñan asinados por métodos de tempos e denuncian que se estaba a traballar moi por enriba do ritmo que se lles marcaba. Segundo sinalaba Couñago, a dirección de Treves impoñía un ritmo de traballo para producir 2.030 pezas nalgúns módulos fronte ao que marca un estudo realizado por unha empresa externa que establecía que a produción debía situarse en 1.863 pezas.