A comunidade de montes de Lourizán, nunha asemblea xeral ordinaria celebrada a pasada fin de semana aprobou, cun só voto en contra e unha soa abstención, posicionarse publicamente en contra da posible ampliación da depuradora dos Praceres ou da construción dunha nova.
Os comuneiros reafirman a súa oposición frontal á actual ubicación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), e a que o modelo de saneamento pase porque os residuos de Marín, de Poio, de parte de Vilaboa ou do polígono industrial da Reigosa acaben nos Praceres, en dominio público marítimo terrestre, o que considerán é "unha bomba de reloxería para o malogrado banco marisqueiro".
Os comuneiros de Lourizán tamén falaron do campo de fútbol conxunto Lourizán-Salcedo, despois de que na asemblea extraordinaria se votara en contra de ceder os terreos mentres o Concello non accedera a poñer en marcha algunha das actuacións do plan parroquial, "que está a ser incumplido", segundo denuncian.
Na asemblea sacouse en conclusión que o Concello non estaba realmente interesado en que saíra adiante este campo, tendo en conta que non se puxo en contacto coa comunidade de montes despois daquela votación e que xa barallaban a posibilidade de apostar polo que finalmente foi anunciado, en terreos de Salcedo.
Existe preocupación pola "falta de diálogo por parte do Concello coas entidades de Lourizán"
Neste senso existe preocupación pola "falta de diálogo por parte do Concello coas entidades de Lourizán", despois de que a maioría abandonara o Consello parroquial en sinal de protesta polo incumprimento sistemático do plan parroquial. Informouse aos presentes na asemblea de que en novembro se presentou un escrito por parte da Xunta rectora no que se solicitaba ao Concello que aclarara cales das principais actuacións comprometidas no plan parroquial que afectan ao monte veciñal tiñan previsto executar e os prazos para facelo, e de que, a día de hoxe, "o silenzo administrativo foi a única resposta".
Na asemblea aprobáronse tamén as actuacións a levar a cabo en 2018, derivadas na súa maioría do aínda non aprobado Plan de Ordenación Forestal, e que para este ano supoñen traballos de desbroce e de poda baixa na practica totalidade dos montes veciñais.
Tamén se aprobou actuar sobre unha superficie de máis de 9 hectáreas, na que proximamente se van cortar todos os eucaliptos e facer un clareo dos piñeiros. A intención é facer un cinturón de frondosas de 30 metros ao redor do monte que faga de cortalumes natural, así como ordenar o contorno dos xacementos arqueolóxicos existentes na zona e dos camiños que forman parte da Ruta Arqueolóxica dos Sete Camiños, coa plantación de frondosas.