A creación do 'núcleo de centralidade' dos Campos, en marcha

Pontevedra
04 de novembro 2019

O Concello ultima a adxudicación dos proxectos de construción dun novo vial e a rehabilitación da antiga escola unitara, casa dos mestres e o edificio das aulas

Proxecto do Local Social dos Campos
Proxecto do Local Social dos Campos

O lugar de Pazos, na parroquia pontevedresa de Mourente, estreará nos próximos meses unha praza pública, con tres edificios que o Concello entregará a asociacións locais, deseñada para o uso veciñal. Son os denominados 'núcleos de centralidade', unha iniciativa do goberno local para levar ás parroquias do rural o modelo urbano do centro histórico, que no caso de Pazos inclúe a rehabilitación de dous inmobles e a construción dun vial desde os antigos terreos de Tafisa ata o centro da parroquia.

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, explicou este luns que o proxecto de construción da nova estrada está en fase de adxudicación e o prazo de execución é de nove meses. Trátase dun vial de 605 metros de lonxitude, con dous carrís para o tráfico de vehículos, beirarrúas de metro e medio e medidas de acougado de tráfico, detallou a edila nacionalista.

A nova estrada termina na praza de Pazos na que se atopan tres inmubeles. Un deles xa foi rehabilitado e está dedicado á escola de petanca. A antiga escola unitaria converterase en sede do Grupo de Desenvolvemento Rural, despois dunha reforma valorada en 452.000 euros que deberá estar finalizada en cinco meses. 

O terceiro dos proxectos previstos é o máis ambicioso. A vella casa dos mestres e o edificio das aulas converterase no novo local social dos Campos. Trátase dun complexo con dúas estruturas que quedarán conectadas despois da reforma, os cuartos de baño estarán nun módulo independente e unido aos edificios a través dun corredor acristalado. No interior crearase un espazo diáfano con portas abatibles que permitirá a realización de diversas actividades e no exterior, haberá unha zona axardinada con bancos para o goce dos veciños. O obxectivo do goberno local é adxudicalo esta mesma semana para que a obra, valorada en 563.000 euros, estea rematada en abril do 2020.

Aínda que aínda non está decidido, a idea do goberno local é executar todas estas obras ao mesmo tempo para ter o núcleo completamente reformado no próximo verán. O investimento total, incluíndo a reforma dos edificios e a construción do novo vial, supera os dous millóns de euros e no financiamento colabora tamén a Deputación.

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra tratou tamén este luns a contratación dun novo software para a administración electrónica do departamento de xestión tributaria valorado en 450.000 euros que permitirá realizar os trámites dunha forma máis agil e segura. Doutra banda, o Concello segue reducindo o uso de papel da administración na súa campaña contra o cambio climático. A partir do 1 de xaneiro, todas as comunicacións internas entre os 500 traballadores do Concello realizarase por vía telemática.