A Deputación desbloquea a mellora da seguridade viaria entre Mané e Rebón para "saldar unha débeda" con Moraña

Umia
09 de xullo 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou o proxecto este luns nun acto na contorna da igrexa de San Pedro de Rebón acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo; o alcalde de Moraña, Sito Gómez; e o enxeñeiro da Deputación José Domínguez

Presentación do proxecto de reforma da estrada de Rebón, en Moraña
Presentación do proxecto de reforma da estrada de Rebón, en Moraña / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra desbloqueou o proxecto de mellora da seguridade viaria e da mobilidade da estrada provincial EP-0503 entre Mané e Rebón, en Moraña, que levaba paralizado oito anos, desde 2015, e permitirá ensanchar o viario e a construción dunha variante para desviar o tráfico dun núcleo de poboación.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou o proxecto este luns nun acto na contorna da igrexa de San Pedro de Rebón acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo; o alcalde de Moraña, Sito Gómez; e o enxeñeiro da Deputación José Domínguez.

Durante a presentación, López destacou que con este proxecto "saldamos unha débeda coa veciñanza e o Concello de Moraña, que por fin van ver atendidas as súas necesidades".

A obra, valorada en 1,4 millóns de euros e financiada ao 100% polo organismo provincial, consiste nunha intervención integral ao longo da EP-0503. Dada a lonxitude e complexidade da intervención, farase por fases.

Luis López explicou que será unha actuación por fases, pero que están a tramitar ao mesmo tempo para que sexa unha realidade "no menor tempo posible".

Ademais, destacou que a mellora da seguridade desta estrada é unha demanda histórica da veciñanza de Moraña.

"Falamos dunha obra que xa tiña que estar feita e rematada hai moito tempo", afirmou, e lembrou que, no seu primeiro ano de goberno, "cumprimos co noso compromiso cos alcaldes e alcaldesas da provincia, coa nosa responsabilidade de manter e mellorar a rede de estradas provinciais e coa veciñanza recuperando proxectos coma este".