A Deputación instalará cerca de 600 redutores de tráfico nas estradas provinciais

Pontevedra
22 de novembro 2016

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este martes que a Deputación instalará case 600 redutores de velocidade nas estradas provinciais de 46 concellos da provincia grazas á aplicación do Plan MÓVESE (Mobilidade e Velocidade Seguras)

Xornadas Sobre Seguranza Viaria. Métodos de Calmado do tráfico
Xornadas Sobre Seguranza Viaria. Métodos de Calmado do tráfico / Mónica Patxot

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este martes que a Deputación instalará case 600 redutores de velocidade nas estradas provinciais de 46 concellos da provincia grazas á aplicación do Plan MÓVESE (Mobilidade e Velocidade Seguras). Segundo dixo, a instalación deses elementos físicos de calmado do tráfico "é a única fórmula para reducir tamén o número de accidentes e de feridos".

En concreto, instalaranse 337 pasos de peóns sobreelevados (PPS) –coñecidos como lombos- e 260 redutores de velocidade para vehículos (RFVV) nas vías de titularidade da Deputación cun orzamento total de 3.866.380,92 euros, todos eles proxectados de maneira independente e con características técnicas adaptadas ás vías nas que se constrúen (sección, largo de vía, existencia de beirrarúas, pluviais, iluminación…).

O Plan MÓVESE foi presentado por Uxío Benítez no marco da celebración das ‘Xornadas sobre seguranza viaria. Métodos de calmado do tráfico’ organizadas pola Deputación de Pontevedra con motivo do Día mundial de recoñecemento das vítimas de violencia viaria, que coincidiu o pasado domingo día 20. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, que abriu oficialmente o certame, reivindicou o necesario "xiro absoluto" que debe dar o tratamento á mobilidade, poñendo ás persoas como centro das actuacións en materia de infraestruturas viarias. Pola súa banda, o vicepresidente da adminstración provincial, César Mosquera lembrou que a provincia de Pontevedra é a provincia con maior número de sinistros, o que se reflicte nos seguros de coches máis caros de todo o estado español.

Nas xornadas interviñeron a presidenta de Stop Accidentes Galicia, Jeanne Picard e o responsable da área de Mobilidade da Dirección Xeral de Tráfico, Pedro Tomás que fixo un avance da ‘Estratexia T’, o plan marco de actuación da DXT para mellorar as travesías en todo o estado. 

O técnico sinalou a diferente tipoloxía destas vías entre Castela e Galicia e destacou que no caso galego existe un continuo urbano con diferentes núcleos rurais que fai que a mobilidade peonil nas travesías sexa moito máis elevada que noutras localidades. Seguindo a filosofía de todos os demais participantes nas xornadas, Tomás destacou que é preciso "superpoñer a calidade de vida das persoas que viven o transitan polos núcleos urbanos ou rurais ou o seu contorno á calidade da rede viaria pensada unicamente para os vehículos".

"O 69% dos atropelos evítanse reducindo a velocidade"

"O 69% dos atropelos evítanse reducindo a velocidade. É unha cuestión na que actuar", afirmou.

Entre os asistentes a estas xornadas estiveron a responsable provincial da Dirección Xeral de Tráfico, do Colexio Galego de Enxeñeiros, da Axencia Galega de Infraestruturas (Xunta de Galicia), da Fanpa, da Federación Galega de Ciclismo e outros colectivos ciclistas (Pedaladas, Bicicleando…), así como doutros colectivos vencellados coa mobilidade. Xuntaron máis de 130 persoas.