A Escola Naval achega as súas instalacións para loitar contra a pandemia

Marín
19 de marzo 2020

En concreto, a Escola Naval pode achegar á Operación Balmis unha residencia de 50 habitacións con aseos incorporados, unha enfermería e dúas ambulancias. Ademais, conta con espazo e aloxamento (ata 112 persoas) para apoio ao despregamento doutras unidades das forzas armadas

Vista aérea da Escuela Naval Militar
Vista aérea da Escuela Naval Militar / Universidade de Vigo

A Escola Naval Militar está preparada para participar na Operación Balmis, que constitúe a contribución das forzas armadas para preservar a seguridade e benestar dos cidadáns e apoiar ás forzas e corpos de seguridade do Estado, institucións e administracións nas medidas de prevención do COVID-19 e mitigar o impacto social, sanitario e económico.

En concreto, a Escola Naval pode achegar á Operación Balmis unha residencia de 50 habitacións con aseos incorporados, unha enfermería e dúas ambulancias. Ademais, conta con espazo e aloxamento (ata 112 persoas) para apoio ao despregamento doutras unidades das Forzas Armadas.

Para contribuír á contención da pandemia toda a dotación e alumnos da escola atópanse nos seus domicilios particulares.

A actividade docente presencial suspendeuse e os alumnos e profesores continúan os cursos de maneira non presencial grazas ás redes informáticas do Ministerio de Defensa e da Universidade de Vigo.

A BRILAT AMPLÍA O RADIO DE OPERACIÓNS

Continuando coa Operación Balmis a BRILAT despregará unidades nas localidades de Lugo, Santiago de Compostela, Avilés e Valladolid.

As unidades actuarán co obxectivo de recoñecer as zonas máis conflitivas, infraestruturas críticas e establecer unha ligazón sólida e eficaz con autoridades locais e forzas e corpos de seguridade para facilitar os seus labores de presenza e vixilancia diante de posibles incumprimentos das medidas establecidas polo estado de alarma nas zonas de especial risco para o contaxio.