A fundación chinesa que visitou Pontevedra polo Plan Revitaliza doa material de protección á Deputación

Pontevedra
04 de xuño 2020

O contacto, preocupación e mensaxes de ánimo entre ambas as administracións desde a chegada do coronavirus a España foi constante e culminouse coa recepción desta doazón

Carmela Silva e César Mosquera reciben a doazón de material de protección procedente de China
Carmela Silva e César Mosquera reciben a doazón de material de protección procedente de China / Deputación de Pontevedra

A fundación chinesa, Vanke Foundation, que visitou Pontevedra en outubro do 2019 para coñecer o funcionamento do Plan Revitaliza de compostaxe acaba de enviar á Deputación unha doazón de material de protección fronte ao coronavirus. O envío está composto por 2.800 máscaras de protección KN95, 2.000 pantallas faciais e 90 traxes de protección médica.

En todas as caixas dos dous palés de material recibido figuraba unha lenda coas bandeiras española e chinesa xunto ao texto "esperamos que estas pezas e máscaras protectoras axuden á vosa rexión na grave situación da Covid-19 neste momento. O amigo debe ser como o sangue, que acode á ferida sen esperar que a chamen".

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera manifestaron o seu agradecemento pola preocupación e esforzo por colaborar demostrado desde a fundación desde o momento no que a pandemia chegou a Pontevedra, así como o afectuoso escrito das caixas.

Mosquera quixo desvelar o continuo constante da secretaria xeral da entidade, Yimei Chen, co organismo desde o decreto do estado de alarma.

O 17 de marzo, chegou ao correo da Deputación a seguinte mensaxe: "Sentimos oir que a COVID-19 está a golpear España agora tamén. Nuesta visita a Pontevedra estivo chea de recordos marabillosos. Esperamos que vostedes, as súas familias e a súa comunidade estean seguros e sans. En nome da Vanke Foundation e os seus delegados gustaríanos facerlles chegar que vostedes están nos nosos pensamentos e oracións". Logo chegou o ofrecemento de material de protección que acaba de materializarse. 

Tras a visita do mes de outubro enmarcada nunha xira por Europa dos representantes da fundación, Chen afirmou que "cando volvamos a China teremos que adaptar o que aprendemos aquí ás nosas circunstancias. Esperamos ver polo menos a parte dos que estades aquí algún día alí para que comprobedes como o estamos facendo".