A Garda Civil denuncia a 46 persoas por tenencia e consumo de drogas durante o SonRías Baixas

Bueu
05 de agosto 2019

En total, identificaron a preto de 500 persoas e formuláronse 46 denuncias administrativas á Lei de Seguridade Cidadá, por tenencia e/ou consumo de estupefacientes no interior do recinto e nas súas inmediacións, dando lugar á incautación de distintas cantidades de estupefacientes 

Droga intervida pola Garda Civil durante o 'SonRías Baixas'
Droga intervida pola Garda Civil durante o 'SonRías Baixas' / Guardia Civil de Pontevedra

A Garda Civil denunciou durante a pasada fin de semana a preto de medio centenar de persoas por tenencia e/ou consumo de estupefacientes na vía pública durante o festival 'SonRías Baixas' que se celebrou en Bueu.

Todas esas persoas foron identificadas como parte dun dispositivo de seguridade que establecido con ocasión do festival, dado que cada ano congrega unha importante afluencia de público. 

Segundo informou a Garda Civil, tratouse dun operativo de seguridade con fins preventivos no que participaron efectivos das distintas especialidades da Garda Civil (Seguridade Cidadá, Seprona, Patrulla Fiscal e Fronteiras e Servizo Cinolóxico).

En total, identificaron a preto de 500 persoas que asistiron durante os catro días do festival e formuláronse46 denuncias administrativas á Lei de Seguridade Cidadá, por tenencia e/ou consumo de estupefacientes no interior do recinto e nas súas inmediacións, dando lugar á incautación de distintas cantidades de estupefacientes (cocaína, haxix, éxtase, etc).

No ámbito das mesmas actuacións preventivas, a Garda Civil inspeccionou os postos de venda ambulante do recinto, onde se detectaron distintas irregularidades administrativas, relacionadas, sobre todo, coas licenzas, follas de reclamacións e seguridade social.