A I+D+i reporta á Universidade máis de 101 millóns de euros y 573 postos de traballo nos últimos catro anos

Pontevedra
22 de febreiro 2014

Esta mesma semana dábase conta dun último proxecto, nin máis nin menos que aeroespacial, polo que o Concello de Pontevedra investirá 30.000 euros xunto coa institución académica. Así taciña a taciña a Universidade recadou 101 millóns de euros procedentes da I+D+i no período comprendido entre os anos 2010 e 2013

A I+D+i é unha das liñas estratéxicas de traballo da Universidade de Vigo á que pertence o Campus de Pontevedra. Esta mesma semana dábase conta dun último proxecto, nin máis nin menos que aeroespacial, polo que o Concello de Pontevedra investirá 30.000 euros xunto coa institución académica. Así "taciña a taciña" a Universidade recadou 101 millóns de euros procedentes da I+D+i no período comprendido entre os anos 2010 e 2013.

Esta cifra, segundo afirmou o reitor, Salustiano Mato, evidencia que "acadamos o obxectivo que nos plantexáramos a pesares dos tempos convulsos, tormentosos e difíciles", dixo, en referencia aos recortes operados polo Goberno central en investigación, desenvolvemento e innovación.

Neste escenario a Universidade de Vigo foi quen, sen embargo, de incrementar ano tras ano os seus ingresos procedentes de I+D+i ata chegar en 2013 a 31,6 millóns de euros, un 24% máis que en 2012, "porque traballamos buscando novas fontes de ingreso, pescando en caladoiros diferentes, diversificando o traballo a través da cooperación intelixente e agregando capacidades dos investigadores", explicou o reitor.

Mención especial fixo Salustiano Mato á captación de recursos a través dos proxectos institucionais promovidos polo equipo de goberno e que teñen como obxectivo agregar capacidades de varios grupos de investigación de diferentes ámbitos e que no ano 2013 acadaron os 15,2 millóns de euros, o que representa un crecemento dun 64,4% respecto de 2012. En canto aos ingresos procedentes de proxectos de investigación europeos estes medraron en 2013 un 66%,acadando os 4,7 millóns, fronte aos 1,6 do ano anterior.

Outras cifras significativas do ano pasado foron as referidas ao volume das actividades de I+D contratadas ao longo de 2013 na Universidade de Vigo e que ascenderon a 8,5 millóns, 1,2 millóns máis que en 2012. Ademais creáronse na institución académica un total de 573 postos de traballo directos e inducidos vinculados á I+D, mentres que o número de actividades de transferencia ascendeu a 155.

Pola súa banda os grupos de investigación, que en 2013 se presentaron a convocatorias en concorrencia competitiva, tanto autonómica como europea, captaron 7,8 millóns de euros para un total de 40 proxectos.