A iluminación das pontes de Pontevedra levará a sinatura de Setga

Pontevedra
23 de marzo 2020

A empresa pontevedresa Setga será a encargada de renovar a iluminación en dúas pontes da cidade, a das Correntes e a dos Tirantes, e na pasarela peonil da Illa das Esculturas. Esa é a proposta da mesa de contratación celebrada a semana pasada

Ponte dos Tirantes
Ponte dos Tirantes /

A empresa pontevedresa Setga será a encargada de renovar a iluminación en dúas pontes da cidade, a das Correntes e a dos Tirantes, e na pasarela peonil da Illa das Esculturas. Esa é a proposta da mesa de contratación celebrada a semana pasada.

A edil Eva Vilaverde, que este luns actuou como portavoz do goberno municipal, explicou que Setga realizará estes traballos, que teñen un prazo de execución dun mes, por un prezo de 430.000 euros

Este proxecto forma parte do convenio asinado entre o Concello e a Deputación, polo que será a institución provincial quen financie esta nova iluminación artística.

A iluminación da ponte das Correntes será a máis espectacular. Dispoñerá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable para ocultalas, con control único programable (cor, aceso), moi similar á ponte do Burgo -que tamén executa Setga-.

A ponte dos Tirantes, pola súa banda, irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais) e tamén se iluminará o taboleiro.

A pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e dispoñerá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.

Este proxecto acumula un notable atraso, xa que foi adxudicado en xullo de 2018 á empresa Copcisa que, posteriormente, rescindiu o contrato ante a imposibilidade de executala.

Fóra desta intervención, por motivos administrativos, quedou a ponte de Santiago. O Concello, con todo, asegura traballar nun proxecto propio para esta infraestrutura.