Os centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés comezaron a recibir nestas pasadas semanas, de xeito sucesivo, o equipamento electromédico e o mobiliario clínico comprometido cos fondos do Plan de Melloras das Infraestruturas de Atención Primaria (MINAP), aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.
Esas partidas inclúen a adquisición de 12 ecógrafos ultraportátiles con intelixencia artificial integrada, o que motivou que o Servizo de Radiodiagnóstico do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) colabore na impartición dunha formación teórico-práctica dirixida aos médicos de familia, de xeito que adquiran uns coñecementos básicos necesarios para realizar esas probas na súa propia consulta.
Esta actividade docente, estruturada en cinco sesións en horario de tarde, nace a xeito de ‘proxecto-piloto’ da Área Sanitaria pontevedresa. Inicialmente participan seis médicos de familia de ambos distritos -Pontevedra e O Salnés- que na actualidade xa teñen certo manexo previo dun ecógrafo.
A primeira sesión celebrouse esta semana no Hospital Montecelo e consistiu nunha exposición teórica das patoloxías máis prevalentes no eido da Atención Primaria e susceptibles do seu estudio ecográfico. Tamén se celebrou o primeiro dos obradoiros prácticos, no que participaron pacientes que xa tiñan indicada a realización deste estudio de imaxe por parte dos profesionais de Atención Primaria. A estes seis facultativos seguiranlle nas vindeiras semanas máis grupos de facultativos, para garantir a formación continuada necesaria.
UNHA FUTURA MELLORA DA LISTA DE ESPERA
A xefa do Servizo de Radiodiagnóstico do CHUP, Dolores Durán, agarda que esta colaboración formativa entre os profesionais do seu departamento e os de Atención Primaria poida redundar na redución da lista de espera para a realización de ecografías solicitadas dende os centros de saúde, e sempre que respondan a patoloxías que poidan ser tratadas no primeiro nivel asistencial. Matiza que, unha vez superado ese nivel, poderá ser necesaria repetir a proba de imaxe no Servizo de Radiodiagnóstico.
Por outra banda, aparte dos 12 ecógrafos portátiles, xa foron chegando aos centros de saúde da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés outros equipos de electromedicina do investimento do Plan MINAP, que inclúe 15 retinógrafos, 90 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial e 50 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais. Tamén inclúe mobiliario clínico, consistente en 165 padiolas de exploración, 30 de fisioterapia, así coma outras 15 de exploración xinecolóxica e 35 padiolas de transporte.