A metade dos colexios electorais de Pontevedra non reúnen as condicións de seguridade

Pontevedra
03 de xuño 2020

A convocatoria electoral do 12 de xullo, cita coas urnas en toda Galicia, trae de cabeza aos concellos. Consideran que, a día de hoxe, non se dan as condicións para celebralas con todas as medidas de seguridade que deben adoptarse ante a pandemia do coronavirus

Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 10N
Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 10N / Diego Torrado

A convocatoria electoral do 12 de xullo, cita coas urnas en toda Galicia, trae de cabeza aos concellos. Consideran que, a día de hoxe, non se dan as condicións para celebralas con todas as medidas de seguridade que deben adoptarse ante a pandemia do coronavirus.

Así quedou de manifesto na reunión que, a través de videoconferencia, mantiveron os alcaldes das sete grandes cidades cos responsables das catro deputacións provinciais e da Federación Galega de Municipios e Provincias.

O protocolo de seguridade aprobado pola Xunta, segundo os alcaldes, imposibilita que se poidan utilizar a maior parte dos colexios electorais dos seus respectivos municipios.

No caso de cidades como Pontevedra e Vigo, desvelou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, un 50% destes colexios electorais non cumpren cos requisitos impostos polo goberno galego.

"Hai unha enorme preocupación nos concellos", explicou Silva, porque aínda que os técnicos de prevención debían percorrer xa todos estes locais "aínda non foron" e, a estas alturas, "xa non se van a poder modificar".

A dirixente provincial advirte dos "problemas" cos que se van a atopar os concellos e lamentou que a mes e medio das eleccións "queda moito por clarificar".

Entre outras cuestións, Carmela Silva pregúntase quen se encargará da limpeza e desinfección destes colexios, de garantir que se cumpren os aforos permitidos ou da súa seguridade, xa que as policías locais "nin de broma" teñen medios para cubrir os colexios.

A este respecto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que os colexios electorais non están preparados para cumprir as medidas sanitarias e de distanciamento que recolle o protocolo aprobado pola Xunta.

Os concellos, engade o rexedor pontevedrés, non poden asumir un "gasto extra" para adaptar estas instalacións, xa que se trata de eivas que nalgúns casos "teñen difícil solución".

Fernández Lores lembra que Núñez Feijoo convocou estas eleccións sen o respaldo do resto de forzas políticas e, polo tanto, "ten a obriga" de garantir a seguridade dos galegos e "non desviar esa responsabilidade" aos concellos.

"Nós non temos competencia nin posibilidades materiais nin persoais para poder cumprilas", afirma o alcalde de Pontevedra, que defende que debe ser o goberno galego quen, ademais de fixar cal debe ser o protocolo sanitario da cita electoral, asuma os custes económicos e os medios para que os cidadáns poidan exercer o seu dereito "con plenas garantías".