A nova marquesiña da ponte da Barca comezará a instalarse en novembro

Pontevedra
21 de outubro 2018

Os traballos de rehabilitación da ponte da Barca avanzan ao ritmo previsto. Segundo confirma a Xunta, os operarios están rematando de desmontar a actual cuberta e reparando o formigón da estrutura. O plan previsto é que a nova marquesiña comece a instalarse en novembro

Obras de reforma da ponte da Barca
Obras de reforma da ponte da Barca / Mónica Patxot

Os traballos de rehabilitación da ponte da Barca avanzan ao ritmo previsto. Segundo confirma a Xunta, os operarios están rematando de desmontar a actual cuberta e reparando o formigón da estrutura. O plan previsto é que a nova marquesiña comece a instalarse en novembro.

As obras, que se iniciaron o pasado 4 de agosto, contan cun prazo de execución de cinco meses. O goberno galego destaca que se mantén a previsión de rematalas a final de ano.

Iso si, advirten que é necesario realizar o traballo final de pintado da ponte en condicións axeitadas de humidade, polo que este punto estará condicionado á meteoroloxía.

A reforma, sinalan desde a Xunta, se están a realizar tendo en conta a necesidade de manter a máxima seguridade, tanto na prevención de riscos no caso dos traballadores, como tamén á hora de evitar afeccións, dado que a ponte está nun ámbito de moita mobilidade. 

De feito, as actuacións están a garantir o tránsito de peóns entre Pontevedra e Poio, polo que na programación das actuacións de retirada das antigas marquesiñas e colocación das novas, está previsto que se manteña libre sempre un dos pasos. 

Ademais, recordan que tamén se está a cumprir o compromiso de non afectar ao tráfico rodado entre ambas beiras do río, ao programarse as actuacións que puntualmente poidan producir afeccións en horario nocturno, para que o impacto no tráfico sexa o mínimo posible.

Todas as actuacións nesta infraestrutura, valoradas en 1,2 millóns de euros, teñen por obxectivo dotar á ponte da Barca dun aspecto renovado, con importante melloras funcionais que, ademais, incrementarán a vida útil da ponte e contribuirán á súa posta en valor.