A nova sede do GDR completará o núcleo de centralidade dos Campos

Pontevedra
19 de novembro 2019

Ata 452.000 euros investiranse na rehabilitación da vella escola infantil dos Campos que, tras a súa reforma, será un centro social e a nova sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo

Proxecto da nova sede do GDR na antiga escola dos Campos Concello de Pontevedra

Ata 452.000 euros investiranse na rehabilitación da vella escola infantil dos Campos que, tras a súa reforma, será un centro social e a nova sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo.

A rehabilitación da antiga escola infantil, que na actualidade ten funcións de almacén municipal, permitirá situar na súa primeira planta a sede do GDR cunha oficina para a xerencia, tres postos de traballo, unha sala de reunións, un arquivo e baños.

A planta baixa, pola súa banda, será un espazo de uso veciñal cunha sala de usos múltiples e unha sala de exposicións, entre outros equipamentos. Terá un concepto aberto.

O acceso entre plantas farase por un módulo que se construirá ao carón do edificio, na parte posterior; e tamén está previsto facer un acceso ao edificio pola zona traseira e un ascensor que permita a entrada e saída ás persoas con mobilidade reducida.

Ademais, a zona exterior terá una especie de pel en forma de peche feito en chapa microperforada de cor verde, que permitirá unha maior integración co entorno e reforzar as medidas de eficiencia enerxética que se aplicarán en todo o inmoble.

A reforma será asumida nun 60% polo Concello de Pontevedra e nun 40% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). A intención é licitar esta obra a próxima semana e que os traballos poidan coincidir con outras actuacións na zona para minimizar as molestias.

Este novo equipamento municipal completará o núcleo de centralidade parroquial dos Campos, no que se investirán arredor de dous millóns de euros no vindeiro ano, ao incluír, tamén, a construción do novo local social e o novo acceso a Monte Porreiro desde Tafisa.