A Parda, Camiño de Ferro e Ponte Boleira estrean catro novos composteiros

Pontevedra
30 de decembro 2018

Catro novos centros comunitarios de compostaxe acaban de ser instalados en barrios da cidade de Pontevedra. Nos últimos días, completáronse os traballos na Parda, onde se colocaron dous deles, e en Camiño de Ferro e Ponte Boleira, que sumaron un máis cada un aos que xa tiñan

Novo composteiro comunitario en Ponte Boleira Concello de Pontevedra

Catro novos centros comunitarios de compostaxe acaban de ser instalados en barrios da cidade de Pontevedra. Nos últimos días, completáronse os traballos na Parda, onde se colocaron dous deles, e en Camiño de Ferro e Ponte Boleira, que sumaron un máis cada un aos que xa tiñan.

No caso da Parda, os módulos colocáronse na Rúa dos Soutos e en Pintor Laxeiro. En todos eles, previamente se habilitaran as bases dos composteiros e o caixón de madeira para gardar o material estruturante preciso para a elaboración do compost.

O goberno municipal agarda que os novos composteiros estean xa funcionando en xaneiro. De entrada darán servizo a unhas 1.200 persoas, co obxectivo de tratar neles preto de 184 toneladas de biorresiduos cada ano.

Con eles xa son trece os centros comunitarios de compostaxe que hai na trama urbana.

A incorporación dos novos técnicos de residuos -un técnico superior e tres auxiliares- ao cadro de persoal municipal, permitiu ao Concello iniciar a implantación de máis centros de compostaxe para ampliar o servizo e descargar a superprodución dalgúns dos instalados.