A Parda, próximo barrio de Pontevedra en sumarse á compostaxe

Pontevedra
11 de outubro 2018

Tras un parón obrigado pola falta de persoal, o Concello de Pontevedra amplía o ámbito urbano no que se implanta o sistema de compostaxe. O barrio da Parda será o seguinte, tras Eduardo Pondal, San Brais ou Monte Porreiro, onde se instalarán os centros comunitarios para tratar os residuos orgánicos

Composteiro Clara Alonso

Tras un parón obrigado pola falta de persoal, o Concello de Pontevedra amplía o ámbito urbano no que se implanta o sistema de compostaxe. O barrio da Parda será o seguinte, tras Eduardo Pondal, San Brais ou Monte Porreiro, onde se instalarán os centros comunitarios para tratar os residuos orgánicos.

Así o anunciou a concelleira que coordina este programa, Carme da Silva. En concreto, na Parda situaranse dous centros comunitarios de dez módulos cada un. Estarán en puntos "consensuados cos veciños" a partir das suxestións dos técnicos municipais, ambos os lugares "facilmente accesibles" e nos que non haberá unha "sobreaportación" de residuos.

A intención do Concello é que ambos os dous centros de compostaxe poidan estar instalados antes de que finalice este ano.

Ademais, tamén se estuda a ampliación dos centros comunitarios de Camiño do Ferro e de Ponte Boleira, especialmente este último, xa que desde hai meses é necesario baleiralo e levar o compost a madurar a outros puntos da cidade pola súa saturación.

Todos eles estarán supervisados polas catro persoas, un técnico superior en residuos e tres auxiliares, que se incorporarán ao persoal do Concello en novembro, tras superar as oposicións que se celebraron ao longo das últimas semanas.

Ao mesmo tempo, o Concello está a xestionar coa Deputación a firma dun convenio para facer o seguimento do despregamento dos 8.000 composteros individuais que se repartirán no rural de Pontevedra a partir deste trimestre.

Unha ONG vinculada co mundo rural, forestal ou ambiental será quen supervise este proceso e informe aos veciños do funcionamento deste sistema, facendo un seguimento de cada usuario. Inicialmente, este proceso será voluntario pero, segundo Da Silva, "a experiencia nos dí que a maioría dos veciños aceptará o seu".

Ademais, desde o goberno municipal están a ultimar unha campaña de divulgación e difusión da compostaxe, unha iniciativa comprometida coas federacións de veciños e que se realizará en colaboración con Ferrovial Servicios, a empresa concesionaria do servizo de xestión dos residuos sólidos urbanos en Pontevedra.