A coñecida como pasarela do Naval da Illa de Arousa, de 200 metros de lonxitude e deseñada sobre o mar, terá os días contados. A finais deste mes de xaneiro estará retirada e a curto prazo terá xa substitución: unha beirarrúa a nivel co muro de contención.
O Concello confirmou este mércores, a través dun comunicado, que a Concellaría de Servizos programa a renovación da pasarela, unha actuación que acometerá con fondos propios e con persoal municipal unha vez que conte con todos os informes sectoriais necesarios.
O Concello leva aproximadamente un ano traballando na tramitación administrativa destes informes, necesarios polas diferentes proteccións e servidumes que afectan ao municipio.
A actuación prevista consiste na retirada da actual pasarela levantada hai cerca de 15 anos e que, a pesar ter sido obxecto de actuacións de mantemento, require agora unha renovación por unha cuestión de seguridade.
O edil de Servizos, Luis Arosa, explica que a pasarela está a sufrir con estes temporais e "é urxente executar estes traballos", que xa tiñan previstos desde hai semanas pero que se están a atrasar a causa do tempo.
Segundo a información facilitada polo edil, confían en que a finais deste mes de xaneiro estea xa retirada a pasarela. Para Luis Arosa é fundamental que o perímetro do municipio estea dotado de sendas, pasarelas e beirarrúas en bo estado de conservación, xa que son un elemento imprescindible para favorecer os hábitos saudables entre a poboación.
O obra prevista inclúe o repintado da estrada e a reorganización do tráfico rodado neste vial.