A Peralba estrea a súa nova iluminación LED

Pontevedra
03 de xuño 2020

Esta actuación súmase a outros proxectos anteriores cos que se dotou ao ámbito da Peralba de nova rede de saneamento e cos que se realizaron obras de pavimentacións, canalizacións de pluviais e incorporación de sobreanchos e medidas de seguridade viaria

Iluminación LED na Peralba, Marcón
Iluminación LED na Peralba, Marcón / Concello de Pontevedra

Un novo lugar de Marcón xa ten toda a súa iluminación pública con lámpadas LED. Trátase da Peralba, onde o Concello investiu algo máis de 30.000 euros.

En concreto, cambiáronse as luminarias de sodio por 46 lámpadas LED. Instalouse, tamén, un cadro eléctrico e seis báculos para completar a iluminación nalgúns puntos.

Este investimento súmase a outros proxectos anteriores cos que se dotou ao ámbito da Peralba de nova rede de saneamento e cos que se realizaron obras de pavimentacións, canalizacións de pluviais e incorporación de sobreanchos e medidas de seguridade viaria.

Os traballos consistiron na incorporación de sobreanchos en distintos puntos e o posterior asfaltado de 900 metros, así como a instalación de 500 metros de canalizacións de pluviais, de varandas en espazos elevados, colocación de lombos e sinalización viaria.

Todas estas obras foron visitadas, acompañados por un grupo de veciños, polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro do rural, Alberto Oubiña.