A Policía Local de Sanxenxo realizou un total de 3.296 intervencións desde o pasado mes de xuño e ata hoxe.
Delas, 2.445 corresponden a denuncias de tráfico e 436 a retiradas de vehículos co guindastre municipal, unhas cifras, que segundo sinala o Concello, son similares ás rexistradas no ano pasado, con 2.292 e 444, respectivamente.
Tamén chama a atención outra cifra de vergoña, o número de intervencións por ouriñar na vía pública, 273 denuncias. Parecido ao que ocorreu o ano anterior.
Pero o goberno local presume doutro dato, a redución do número de denuncias por botellón, xa que mentres no verán de 2018 denunciábanse 201 botellóns, este ano sancionáronse 85.
O goberno contratou 33 auxiliares de Policía que se sumaron durante estes meses aos 25 do plantel para poñer todos os medios e recursos posibles para reducir e controlar os comportamentos incívicos. E é por iso que o goberno local reitera que será "moi firme e constante na mellora da seguridade cidadá, especialmente nos espazos de lecer nocturno".
O contrato destes auxiliares terminou o 15 de setembro e o goberno decidiu prolongar o contrato de seis deles ata o 15 de decembro.
Segundo sostén o Concello, o traballo da Policía Local, a colaboración da Garda Civil e a implicación do goberno, co propio alcalde Telmo Martín e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, supervisando o dispositivo de seguridade durante as madrugadas, "está a permitir unha mellora neste sentido".
O goberno local sinala que "segue habendo incidencias e problemas, pero agora os infractores saben que teñen un custo en termos de denuncias e multas" que ademais se endurecerán coa nova ordenanza de convivencia, cuxo prazo de exposición ao público termina este venres e que se aprobará no pleno.