Segunda quincena de xullo. É a data prevista para o comezo das obras de reforma integral da ponte da Barca. Os traballos serán executados pola empresa Civis Global e teñen un prazo de execución de cinco meses.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda adxudicou estas obras por 930.809 euros.
Para minimizar o impacto no tráfico, o goberno galego avanza que se deseñará un plan co que durante o día se poidan manter os dous sentidos de circulación, salvo en situacións puntuais, e que pola noite se leven a cabo as afeccións necesarias.
Os traballos parten dunha profunda análise coa que se revisou toda a estrutura ao longo do pasado ano. O resultado de dito estudo é o proxecto que se presentou aos concellos de Pontevedra e Poio.
As actuacións suporán a renovación da marquesiña que protexe as beirarrúas, construirase unha nova estrutura de madeira cun tratamento protector que estará especialmente deseñada para evitar a acumulación da auga e a cuberta será de aluminio para evitar un rápido deterioro e garantir a maior resistencia.
Nesta obra empregaranse materiais máis duradeiros e en perfecta sintonía co medio, dun xeito integrado coa paisaxe. Ademais, levaranse a cabo outras accións importantes para a conservación da propia ponte, para incrementar a súa vida útil, como o selado de fisuras, a mellora evacuación das augas, a reparación dos sumidoiros ou o repintado da estrutura.
Así mesmo, iluminarase tanto a propia ponte como a estrada con proxectores led, que mellorarán a estética realzando a estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética e un aforro no consumo.