A reforma do colexio Froebel, segundo Educación, comezará este mesmo ano

Pontevedra
30 de xaneiro 2024

Entre febreiro e marzo. Esa é a data na que, segundo a Xunta de Galicia, vaise a licitar as obras de reforma do colexio Froebel, en Pontevedra. Estes traballos comezarán este mesmo ano e estenderanse durante parte do 2025

CEIP Froebel
CEIP Froebel / Mónica Patxot

Entre febreiro e marzo. Esa é a data na que, segundo a Xunta de Galicia, vaise a licitar as obras de reforma do colexio Froebel, en Pontevedra. Estes traballos comezarán este mesmo ano e estenderanse durante parte do 2025.

Así llo trasladou este martes o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, César Pérez Ares, ao director do colexio e a membros da ANPA.

No transcurso da xuntanza, na que tamén participou a arquitecta xefa redactora do proxecto da terceira fase de rehabilitación do centro e a xefa da unidade técnica, os responsables de Educación explicaron que estas obras terán un investimento de 1,1 millóns de euros.

A reforma prevista inclúe a reparación integral das cubertas que faltan por mudar, unha superficie de case 1.500 metros cadrados, que terán un reforzo estrutural e melloras no illamento térmico.

Así mesmo, e a petición do equipo directivo, fóronse engadido diferentes actuacións ao proxecto.

A este respecto, incluíuse o cambio de falsos teitos e luminarias na zona de aulario e a renovación do patio. Tamén se renovarán as instalacións eléctrica e de protección contra incendios, eliminarase o depósito de gasóleo e substituirase por unha caldeira de gas natural.

Esta actuación, segundo Educación, súmase ás realizadas nas dúas primeiras fases e outras melloras puntuais, o que supuxo un investimento de máis de 866.000 euros nos últimos anos.