A renda social municipal poderá cobrarse como máximo durante un ano

Pontevedra
11 de maio 2018

Os beneficiarios da renda social municipal que, a instancias de Marea, se implantará en Pontevedra poderán cobrar esta axuda durante seis meses, prorrogables a un máximo dun ano. Así figura no anteproxecto da ordenanza que regulará esta medida, dirixida a cidadáns en risco de exclusión social e pobreza

Persoa sen teito
Persoa sen teito / Mónica Patxot

Os beneficiarios da renda social municipal que, a instancias de Marea, se implantará en Pontevedra poderán cobrar esta axuda durante seis meses, prorrogables a un máximo dun ano. Así figura no anteproxecto da ordenanza que regulará esta medida, dirixida a cidadáns en risco de exclusión social e pobreza.

O goberno municipal prevé que a ordenanza, tras unha longa tramitación administrativa, poida ser aprobada no pleno do próximo mes de xuño. Para iso, só faltan os informes técnicos da asesoría xurídica e do servizo de Intervención.

Cando a corporación dea o seu visto e prace a esta ordenanza, terá que ser exposta ao público, fase na que se poden realizar alegacións por parte dos interesados.

O Concello entende que, debido a estes trámites, esta renda social non terá aplicación práctica ata despois do verán.

Estas axudas, ademais de ser persoas en risco de exclusión social, serán incompatibles coa Renda de Integración Social de Galicia (Risga), polo que só poderán acceder a elas todas aquelas persoas que, por calquera razón, non reúnan os requisitos necesarios para cobrar a renda autonómica.

A contía da renda social municipal aínda non se coñece, aínda que Marea no seu día propuxo que fóra de 532 euros. En todo caso, o Concello reservou unha partida de 425.000 euros no orzamento de 2018 para sufragalas.