A sentenza do Supremo non frea a marcha anual contra ENCE: "Non renunciamos a un futuro sen ENCE na ría"

Pontevedra
25 de xuño 2023

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) convocou este domingo 25 de xuño a súa habitual 'Marcha contra Celulosas', con saída ás 12.00 horas desde as alamedas de Pontevedra e Marín para completar o percorrido ata a pasteira

'Marcha contra Celulosas' convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)
'Marcha contra Celulosas' convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) / Cristina Saiz

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) convocou este domingo 25 de xuño a súa habitual 'Marcha contra Celulosas', con saída ás 12.00 horas desde as alamedas de Pontevedra e Marín para completar o percorrido ata a pasteira.

A marcha estaba condicionada este ano pola recente sentenza do Tribunal Supremo que deixou sen efecto a anulación da prórroga a ENCE para seguir usando os terreos de Lourizán.

"Este novo escenario, sen dúbida máis incerto que o existente con anterioridade á sentenza, non supón o fin da loita, nin moito menos. Primeiro, porque falta por decidir sobre o procedemento promovido pola nosa Asociación, e non se pode descartar unha sentenza favorábel do Tribunal Supremo (TS). Ademais, a sentenza do TS ten aínda un amplo percorrido xurídico e administrativo", defendeu previamente á xornada Antón Masa, presidente da APDR.

"O lema da marcha é non renunciamos a un futuro sen ENCE na ría, creo que di claramente o que queremos. Nós con independencia de que o Tribunal Supremo teña dictado unha senteza entendemos que ninguna sentenza e menos esta que é inxusta e absolutamente arbitraria vai impedir que sigamos loitando por algo no que cremos e no que temos razón. É unha aspiración da cidade, da comarca e da propia ría, poder desfrrutar dun futuro que nos foi roubado", engadiu Masa antes de iniciar o percorrido.

Xunto a el estaban, como de costume, representantes doutros colectivos ecoloxistas como Greenpeace ou Ecoloxistas en Acción, e tamén políticos como o alcalde Pontevedra ou a cabeza de lista ao Congreso do BNG pola provincia nas próximas eleccións xerais, Carme da Silva.

"Europa xa mandou aviso claramente por outras concesións destas características noutros estados que era absolutamente contrarias a dereito", afirmou Da Silva defendendo que "na sentenza do Supremo pesan máis os recursos económicos da empresa, os cartos que move, que o dereito. É unha sentenza contraria á Lei de Costas e desde logo seguen abertas vías xudiciais".

Pola súa banda Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que "os pontevedreses temos dereito a recupera a ría que nos roubaron hai 65 anos. Eu como alcalde de Pontevedra vou seguir loitando por todas as vías para que iso non ocorra".

O manifesto da xornada foi lido diante da fábrica por Jorge Fernández, da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, tentando transmitir "a mensaxe de que hai un futuro alternativo para Lourizán que pasa por recuperar a paisaxe".