A Universidade e o Concello seguen traballando xuntos para que "o campus faga cidade"

Pontevedra
13 de maio 2022

A Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra asinaron a renovación do convenio que subscribiron o ano pasado para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e tecnoloxías. Na súa anterior edición posibilitou a realización de preto de 50 propostas

Jorge Soto e Yoya Blanco asinan o convenio
Jorge Soto e Yoya Blanco asinan o convenio / DUVI

A Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra asinaron a renovación do convenio que subscribiron o ano pasado para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e tecnoloxías. Na súa anterior edición posibilitou a realización de preto de 50 propostas. 

O vicerreitor en funcións do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, asinaron o convenio. Durante o acto, o representante da Universidade quixo agradecer a confianza da representante municipal e destacar "a gran relación que hai entre o Concello e o campus". 

Pola súa parte, a concelleira puxo en valor o traballo de Soto á hora de "conseguir que o campus faga cidade", e subliñou que "non cabía outra cousa que repetir este convenio e reiterar unhas actividades que tiveron moi boa acollida".  

Con este novo convenio, a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades buscan impulsar unha programación aberta a toda a cidadanía e integrada por actuacións musicais, ciclos de cine e de narración oral ou aulas de música tradicional e teatro

Neste abano de propostas intégranse tres espectáculos musicais que terán lugar a vindeira semana en diferentes puntos da cidade; o concerto 24 instrumentos populares galegos, un espectáculo que combinará a música coa fotografía de José Suárez e que terá como escenario as ruínas de Santo Domingo e unha actuación de Teo Cardalda na Casa das Campás.

A directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, explica que se trata dunha programación que busca dar continuidade a todas aquelas iniciativas que ían no convenio previo e que tiveron unha aceptación positiva.