A Xunta avaliará a parcela ofrecida polo Concello de Poio para o novo centro de saúde

Poio
03 de marzo 2023

O conselleiro de Sanidade reuniuse co alcalde de Poio e solicitoulle que esta parcela se adapte á cualificación urbanística axeitada e contemple os accesos necesarios para poder edificar nela un novo centro de saúde

Reunión do conselleiro de Sanidade co alcalde de Poio Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores, reuníronse este xoves co alcalde de Poio, Luciano Sobral e a concelleira Marga Caldas para recibir a proposta de parcela que o concello ten adquirido coa intención de cedela á administración autonómica para a construción dun novo centro de saúde.

O conselleiro indicoulles que esta parcela, que conta con 40.000 metros cadrados, necesita en primeiro termo dunha preceptiva visita de persoal técnico a Poio para avaliar cal sería a mellor localización do futuro centro dentro dela, o que implicará xa de entrada un trámite de segregación dunha parte da parcela.

Unha vez se conte con esa avaliación técnica da parte a segregar, o Concello deberá realizar todos os trámites urbanísticos para adaptar a cualificación e uso desa parcela e poder efectuar a súa cesión ao Sergas libre de cargas e gravames para a construción dun novo centro de saúde. 

Asemade, tamén é necesaria a dotación dos accesos necesarios para dar servizo a ese futuro centro. 

En consecuencia, a Xunta propuxo ao alcalde iniciar o trámite dun convenio que inclúa o compromiso do goberno local de levar a cabo eses trámites imprescindibles para que a cesión sexa posible e, unha vez realizados, o compromiso da Xunta de construír este centro de saúde.