A Xunta destinará 1,4 millones de euros a programas en favor de mulleres vulnerables

Pontevedra
03 de xullo 2021

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas destinadas a asociacións de mulleres e federacións para fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas

Susana López Abella e a entidade Mulleres en Igualdade no III Congreso de Asociacións de Mulleres de Poio
Susana López Abella e a entidade Mulleres en Igualdade no III Congreso de Asociacións de Mulleres de Poio / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas destinadas a asociacións de mulleres e federacións para fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.

Así o destacou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella no III Congreso de Asociacións de Mulleres no que participou este sábado e que estivo organizado pola entidade Mulleres en Igualdade de Poio con apoio da Xunta e da Federación de mulleres pola igualdade de Pontevedra (Femupo).

López Abella defendeu o necesario impulso e a dinamización das asociacións de mulleres "entidades clave e eixos de transformación necesaria para avanzar na igualdade real e efectiva". Tamén incidiu na súa especial relevancia no ámbito rural, onde son factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida e fornecedoras do tecido social.

A secretaria xeral lembrou que as entidades contan ata o 22 de xullo para presentar a súa solicitude, e anunciou que o orzamento neste 2021 vén de duplicarse na liña da convocatoria coa que se apoia a consolidación das entidades que pasa dos 80.000 aos 164.757 euros para paliar os efectos da covid-19.

Por outra banda, destacou que a Xunta destinará este ano 1,4 millóns de euros a 61 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, incluíndose entre estas as vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, migrantes ou refuxiadas, as pertencentes a minorías étnicas ou reclusas e ex-reclusas, entre outras.