A Xunta licitará esta primavera a senda de Corón, en Vilanova de Arousa

O Salnés
02 de marzo 2021

O delegado territorial, Luís López, anunciou este proxecto durante a súa visita institucional ao municipio na que tratoa co alcalde, Gonzalo Durán, asuntos relacionados coas sendas da PO-307 e PO-306, así como doutros proxectos de humanización e melloras educativas

O delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, visita Vilanova de Arousa
O delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, visita Vilanova de Arousa / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, aproveitou a súa visita este martes a Vilanova de Arousa para anunciar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai sacar a licitación esta primavera a construción da senda peonil de Corón, na estrada autonómica PO-549.

O representante autonómico explicou que a aposta da Xunta pola humanización e a mobilidade no municipio arousán “é decidida e por iso estamos preto de finalizar coa senda da PO-306 entre a localidade e a rotonda da ponte coa Illa de Arousa". O proxecto desta nova senda será tamén financiado con fondos europeos. 

López informou destes avances ao alcalde, Gonzalo Durán, e ao tenente de alcalde, Javier Tourís, no marco dun encontro de traballo celebrado con motivo da primeira visita institucional do delegado territorial a Vilanova de Arousa.

Nesa reunión tamén se abordaron as solicitudes do Concello para desenvolver diversos proxectos de humanización co obxectivo de dotar de maior confortabilidade ao centro urbano, melloras educativas e de carácter social, centradas na ampliación da escola infantil e as Casas do Maior, proxectos vinculados á Consellería do Mar e tamén cuestións relacionadas con infraestruturas, como o Arquivo Municipal ou a Praza de Abastos.

Finalmente, a visita finalizou no Pazo de Vista de Real, onde desprazouse o delegado cos edís para coñecer a evolución do taller de emprego de hostalería, financiado pola Xunta de Galicia desde fai tres meses e que se prolongará ata finais de ano.