A Xunta prohibe fumar en rúas e terrazas se non hai distancia de seguridade de dous metros entre as persoas

Pontevedra
12 de agosto 2020
Actualizado: 13 de agosto

O DOG especifica que, para o consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluída a terraza, só se poderá exceptuar a obrigación de uso de máscara, "e exclusivamente durante o indicado consumo", sempre que poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas

Alberto Núñez Feijóo tras o encontro co comité de expertos sanitarios
Alberto Núñez Feijóo tras o encontro co comité de expertos sanitarios / Xunta de Galicia

Na tarde deste mércores saiu publicado o Diario Oficial de Galicia no que o goberno autonómico establece a decisión que prohibe fumar en espazos públicos como a rúa ou as terrazas se non se pode manter a distancia de seguridade sanitaria de dous metros.

O Diario Oficial de Galicia especifica que, para o consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluída a terraza, só se poderá exceptuar a obrigación de uso de máscara, "e exclusivamente durante o indicado consumo", sempre que, "tendo en cuenta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar", poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas.

O documento, publicado pasadas as nove e media da noite, cita literalmente o posicionamento en relación co consumo de tabaco da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e sinala como riscos asociados ao acto de fumar e  vapear que a manipulación da máscara e o contacto dos dedos coa boca tras tocar os cigarros poderían actuar como  transmisores da Covid-19, que fumar implica expulsar  gotitas respiratorias que "poden conter carga viral e ser altamente contaxiosas" e "o factor de relaxación da distancia social de seguridade".

A medida, anunciada este mércores polo presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, entra en vigor este xoves 13 en todo o territorio da comunidade galega. A medida adoptouse despois de que o presidente mantivese un encontro co comité clínico de expertos sanitarios para analizar a actual situación epidemiolóxica en Galicia e a situación que sobre todo resulta preocupante na Coruña.

"Varios membros do comité clínico coinciden en que fumar sen ningunha limitación nunha terraza ou nunha rúa sen distancia física conleva un risco alto de contaminación e de infección", asegurou o presidente autonómico.

A Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE) alertara en xullo sobre o incremento da posibilidade de contaxio do coronavirus debido ao consumo de tabaco. Entenden que fumar en espazos exteriores pon en risco tanto á poboación fumadora como aos non fumadores pola posibilidade de que se transmitan os virus que causan a Covid-19.

Pola súa banda, a Organización Mundial da Saúde, indica que, polo momento, non existen evidencias científicas que relacionen a transmisión do coronavirus a través do fume dos cigarros. Pero si afirman que o tabaquismo é un dos condicionantes de que se agrave a enfermidade e do incremento de risco de morte entre as persoas positivas.

A Xunta tamén está a estudar a restrición do lecer nocturno noutras zonas de Galicia, ademais da Coruña, e Núñez Feijóo sinalou que, na reunión co comité clínico, analizouse a opción de crear un protocolo de actuación relativo aos traballadores temporeiros.