A Xunta reitera que a PO-264 en Vilaboa presta un servizo "eminentemente local"

Vilaboa
17 de febreiro 2023

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu este venres na Comisión 2ª do Parlamento para lembrar que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lle trasladou recentemente nunha reunión ao alcalde de Vilaboa esta opción de asumir a titularidade do tramo para acometer as actuacións que considere oportunas

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez / Xunta de Galicia

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu este venres na Comisión segunda do Parlamento de Galicia para explicar a postura da Xunta de Galicia en relación ás peticións de obras e acougado de tráfico que demanda o Concello de Vilaboa na PO-264 ao seu paso pola vila.

O representante autonómico insistiu en que unha transferencia desta estrada autonómica ao Concello permitiría adaptar a xestión á súa funcionalidade que Menéndez cualificou como "eminentemente local". 

Sinalou tamén que Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, trasladáballe recentemente nunha reunión ao alcalde esta opción de asumir a titularidade do tramo para que o goberno local acometa as actuacións que considere oportunas.

Advertiu que o tramo desta vía por Vilaboa ata a N-550 carece de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas e, ademais, lembrou que as actuacións de acougado de tráfico como os "lombos de asno" non están permitidas pola normativa en materia de estradas autonómicas e só pódense executar se a titularidade desa vía fose municipal.

Tamén explicou que a conexión peonil entre a PO-264 e a N-550 debe trasladarse á Administración estatal, porque a actuación que se demanda sitúase nun noiro pertencente á estrada de titularidade nacional.