A Xunta remata as obras de demolición dunha vivenda ilegal no Grove

O Salnés
21 de febreiro 2014

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) rematou este venres a demolición dunha segunda vivenda construída en primeira liña de praia, sen licenza municipal e sen autorización autonómica, ubicada en solo rústico de protección de costas no lugar de Pipas, Reboredo, no Concello do Grove

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) rematou este venres a demolición dunha segunda vivenda construída en primeira liña de praia, sen licenza municipal e sen autorización autonómica, ubicada en solo rústico de protección de costas no lugar de Pipas, Reboredo, no Concello do Grove.

A APLU parou o mércores a última hora da tarde os traballos de demolición porque o avogado do propietario presentou medidas cautelares na vía penal que foron desestimadas polo Xulgado o mesmo día da súa presentación.

O auto xudicial emitido o mércores 19 ratifica a orde de demolición, polo que a Consellería de Medio Ambiente reiniciou este venres os labores, quedando concluídos na mesma xornada.

A construción foi paralizada en 2002 e declarada ilegal hai máis de 10 anos. No canto de proceder á demolición do construído, o propietario continuou coas obras, rematándoas.