Abertos 22 expedientes de coches abandonados en Pontevedra no que vai de ano

Pontevedra
09 de marzo 2021

A concellería deDesenvolvemento Sostible procederá a 'xubilar' tres destes coches de xeito inminente, despois de tentar notificar aos seus propietarios e de publicar no BOE a correspondente resolución. Iván Puentes impulsou dez novos requirimentos de retirada de vehículos abandonados nos últimos días e o Concello xa acumula 22 expedientes no que vai de ano

Un dos vehículos a retirar nos vindeiros días
Un dos vehículos a retirar nos vindeiros días / Concello de Pontevedra

A concellería de Desenvolvemento Sostible procederá a 'xubilar' tres coches de xeito inminente, despois de tentar notificar aos seus propietarios e de publicar no BOE a correspondente resolución.

O edil concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asinou dez novos requirimentos de retirada de vehículos abandonados nos últimos días, acumulando o Concello un total de 22 expedientes abertos por este motivo no que vai de 2021, cinco deles relativos a bicicletas.

O Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiental e Policía Administrativa tentou localizar sen éxito aos seus propietarios, polo que procedeu a notificar no Boletín Oficial do Estado, BOE, a correspondente resolución.

Unha vez retirados das rúas recibirán tratamento como residuos sólidos urbanos. Dos tres coches que se van retirar de xeito inmediato, un deles se atopa entre a rúa Losada Diéguez e a avenida de Juan Carlos I (nova avenida Virxinia Pereira); mentres que outro figura abandonado no estacionamento interior da rúa Alcalde Hevia, e o último deles atópase situado no número 14 da rúa dos Cruceiros, en Lérez.

Tal e como explica Iván Puentes "nestes tres casos, tendo en conta o tempo transcorrido, sen que se alterara o estacionamento, o estado de falta de conservación e os sinais aparentes de abandono, requírese aos titulares para que, no improrrogable prazo dun mes, se proceda á súa retirada ou á súa entrega nun centro autorizado de tratamento e instalación de recepción".

Tamén advertiu que, pasado o citado prazo sen dar cumprimento ao requirido, esta administración poderá adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei 10/2008 de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que prevé sancións de entre 603 e 31.000 euros para supostos de infracción grave. "Durante este prazo dun mes poderán formularse as alegacións que se estimen pertinentes", sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

Ademais, Puentes asinou requirimentos de retirada doutros vehículos en lugares como A Peralba, na parroquia de Marcón; na rúa das Pereiras; na rúa Ernestina Otero Sestelo; en Xistro, Salcedo; e na rúa Benito Vicetto, entre outros. Segundo indica o edil socialista, "a través destes oficios tramitados nas últimas semanas se lles require aos propietarios que, no improrrogable prazo de 15 días procedan á súa retirada ou entrega nun centro autorizado".

Antes de proceder á retirada de calquera destes vehículos, o Concello ten que comprobar a recepción da notificación. "En caso de que os supostos propietarios non a reciban teremos que recorrer tamén a notificar mediante publicación no BOE", apunta Iván Puentes.

Unha vez se produza a declaración definitiva dos vehículos como residuos sólidos urbanos, poderase proceder á retirada e tratamento, así como á expedición dos documentos xustificativos da recepción dos automóbiles, emitindo os correspondentes certificados de descontaminación e destrución, e tramitando a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico.

Ademais, a administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fora inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións.

Tamén cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula e, cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.