Abre en Vilaboa un novo servizo municipal de asesoramento do IBI e do PXOM

Vilaboa
28 de febreiro 2024

Estudará a incorporación de situacións individuais á modificación puntual do plan que o goberno local ten xa en marcha

Vista aérea de Vilaboa
Vista aérea de Vilaboa / Terras de Pontevedra

O Concello de Vilaboa pon en marcha un novo servizo de asesoramento á veciñanza centrada na situación das parcelas afectadas polo pago do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), en situación urbanizable non edificable e que recollerá datos para unha posible modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) neste sentido. 

Este servizo comezará a funcionar todos os venres a partir de 15 de marzo, con cita previa solicitada presencialmente no Rexistro ou a través do número 986708215.

O goberno local implementa esta medida consciente da incidencia que pode ter nas persoas contribuíntes o pago dos recibos do IBI nos próximos anos, xunto co derivado do procedemento simplificado de valoración colectiva levado a cabo pola Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra.

Este novo servizo busca "implementar medidas realistas que garantan o crecemento de Vilaboa e resolvan os erros derivados da actualización do Catastro que variaron a clasificación de leiras rústicas como urbanizables". 

O goberno local mantén que "a única maneira legal de regularizar a situación" é a través dunha modificación puntual do PXOM que xa está en marcha coa contratación e anima á veciñanza para trasladar ao Concello "todos eses casos particulares que necesitan un estudo individual e que temos que corrixir" e por iso abre "unha nova escoita activa coas persoas afectadas para estudar con detalle cada caso".