O novo viario que se habilitou en Sanxenxo, o que comunica a Rúa Progreso desde a rotonda do Hotel Terraza coa Rúa Sanxenxo, xusto enfronte da escola infantil municipal do Tombo, xa está aberto ao tráfico peonil e rodado.
Con motivo deste fito, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acompañado dos edís María Deza e Yago Torres, visitaron a zona este venres.
A urbanización realizada pola promotora que se encargará do desenvolvemento deste ámbito, duns 14.177 metros cadrados, mantén a estética e a calidade dos materiais da Rúa Progreso con arboledo, zonas axardinadas e mobiliario urbano.
O novo sistema viario en forma de E, cunha superficie de 4.025 metros cadrados, achega ademais sesenta novos estacionamentos libres en pleno centro do municipio.
"Sanxenxo gaña un espazo público de calidade que vai a axudar a desconxestionar o tráfico en Rúa Progreso, uns dous puntos quentes de tráfico no verán", asegurou Martín.
A velocidade nesta nova rúa está limitada a 30 quilómetros por hora.
Unha vez que se faga a recepción definitiva tamén se poderá gozar de case 4.000 metros cadrados de zonas verdes.
A proposta do nome do novo viario, aínda por decidir, levarase a aprobación do pleno.
O alcalde tamén adiantou que nos próximos días haberá un novo estacionamento na estrada da circunvalación, unha parcela de aproximadamente 5.000 metros cadrados que permitirá estacionar a 250 coches.
Estes aparcadoiros súmanse aos habilitados este verán no solar no que se levantará o novo mercado de Sanxenxo, con capacidade para 38 vehículos e seis motos, con rotación a través de zona azul gratuíta.