Ábrese o prazo de inscrición para os campamentos da Xunta

Pontevedra
04 de abril 2013

A Xunta de Galicia ofrece este ano un total de 1.845 prazas para actividades da campaña de verán. Segundo apuntou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, "o departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre en toda Galicia"

A Xunta de Galicia ofrece este ano un total de 1.845 prazas para actividades da campaña de verán. Segundo apuntou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, "o departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre en toda Galicia".

En concreto, ofertaranse 480 no albergue xuvenil de As Sinas en Vilanova de Arousa; 580 no campamento xuvenil Pontemaril de Forcarei e 240 no campamento xuvenil de A Illa de Ons.

A maiores, nestes mesmos centros tamén se ofrecerán prazas de oferta concertada, co obxectivo de que asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre poidan organizar neles actividades de tempo libre sen ánimo de lucro. Así haberá 120 prazas en As Sinas, 140 en Pontemail e 120 na Illa de Ons.

Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto

Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto e poderán participar nenos de entre 9 e 17 anos. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da orde no DOG, que é hoxe xoves. O sorteo das prazas realizarase, ante notario, nos 45 días seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia.

A praza inclúe o programa de actividades, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, o material, e atención sanitaria. 

Ademais das prazas de xestión directa, Xuventude tamén oferta o uso das súas instalacións entre o 15 de xuño e o 30 de setembro ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, concellos e mozos non asociados.

Campo de traballo en Lalín

Para os maiores de 18 anos se poñen en marcha os campos de traballo, cun total de 20 prazas en Lalín onde se organizará un dedicado a temas ambientais e etnográficos. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.

En total na provincia serán 140 prazas

En total, na provincia serán 140 prazas tendo en conta que, ademais do campo de traballo de Lalín tamén se pode optar polo dedicado á conservación e información ambiental das Illas Cíes.  En concreto, nas Illas Cíes ofértanse un total de 120 prazas para mozos e mozas en 4 quendas de 11 días durante os meses de xullo e agosto. Mentres, as outras 20 prazas son para o Campo de traballo Tradición en verde, en Lalín, durante o mes de agosto.

Toda esta oferta estará á disposición da mocidade galega, e especialmente do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón.

Ademais, os mozos galegos poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal, Xapón, México, Corea do Sur, ou Taiwan. Neste programa ofértanse máis de 220 prazas: 89 en distintas CCAA e 136 no estranxeiro.