Non intentou matar á seu exparella, pero si incumpriu, a propósito, a orde de afastamento que pesaba sobre el. ÿ o resumo da sentenza ditada pola Audiencia Provincial de Pontevedra contra Cándido P.P., un veciño de Cangas que estaba acusado dun delito de homicidio en grao de tentativa, por sabotear, segundo a Fiscalía, os freos do vehículo da súa muller. Foi absolto destes feitos e condenado a un ano de cárcere por quebrantamento da orde.
A sentenza declara probado que o acusado incumpriu a orde de afastamento e acudiu ao lugar de Coiro (Cangas) onde residía a muller. Unha vez alí, produciuse un forcexo entre ambos. Destaca o xuíz que ela "non fuxiu do lugar pese á prohibición". Durante o incidente, no que o home ameazouna de morte, ela acabou cunha serie de lesións.
Fiscalía e acusación particular coincidían en sinalar que antes dese encontro, Cándido P.P. intentou sabotear os freos do coche da súa excompañeira sentimental, cortando os cables dos freos cun coitelo. Pero este extremo, segundo a sentenza, non foi suficientemente probado no xuízo. "Non consta a entidade e alcance da manipulación dos tubos dos freos, por parte do acusado, do coche que utilizaba a súa esposa", relata o maxistrado.
Neste sentido, dúas testemuñas afirmaron ver ao home á beira do coche e tombado boca arriba "facéndolle algo" e chegaron a identificar o coitelo co que, presuntamente, intentou sabotear o vehículo, e un terceiro, mecánico de profesión, narrou que os tubos dos freos estaban "descolgados e serrados", polo que levou o coche a reparar aos "dous ou tres días" do suceso.
Esta circunstancia é a que fai dubidar do alcance dos danos ao titular da Sección Cuarta da Audiencia pontevedresa. Afirma na sentenza que, ademais de non existir ningunha fotografía ou informe pericial sobre esta sabotaxe que poida ser considerada como "proba contundente", existen dúbidas de que cos tubos serrados "poidan levar o coche ata un taller situado en Arcade, cando o lóxico era acudir a un taller próximo".
Durante o xuízo, o acusado explicou que naquel momento estaba en proceso de desintoxicación e a mañá previa aos feitos acudira a tratamento e, a continuación, tomou varias cervexas. Aínda que o xuíz asegura que non se pode determinar o seu grado de alteración no momento dos feitos, esa circunstancia pode explicar "a súa deambulación torpe e que caera ao chan durante o forcexo coa súa esposa".
Por todo iso, a Audiencia pontevedresa resolve absolvelo do delito de homicidio en grao de tentativa e condenalo, tan só, polas lesións que sufriu a muller durante o forcexo, polas que terá que pagarlle 120 euros, e polo quebrantamento da orde de afastamento. Por este último asunto, condénao a un ano de prisión e á prohibición de achegarse a ela a menos de 200 metros nos próximos tres anos.