A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) incorporou no seu último aviso unha nova advertencia fronte aos danos ocasionados pola avespa asiática ou velutina.
O persoal técnico deste centro dependente da Deputación de Pontevedra sinalou que os viticultores detectaron picaduras destas avespas nos acios da variedade de uva Treixadura, polo que aconsellan tomar precaucións ante a inminente vendima.
A principal advertencia pasa por protexerse ante a súa picadura e por tomar precaucións para minimizar as reaccións no caso de que isto ocorra.
Por outra banda en relación á vendima e á colleita que se espera, Areeiro asegura que as choivas rexistradas durante as tormentas entre os días 2 e 5, aínda que en xeral escasas, resultaron favorables desde o punto de vista da calidade da uva.