Acordo con Tráfico para trasladar a O Campiño o seu centro de exames na Xunqueira de Alba

Pontevedra
05 de decembro 2024
Actualizado: 15:03

Unha vez retirado este centro de exames, o goberno municipal encargará unha actuación de renaturalización "semellante" á do espazo que ocupaban a imprenta provincial e o parque de maquinaria

Miguel Anxo Fernández Lores amosa as dúas parcelas ofertas a Tráfico
Miguel Anxo Fernández Lores amosa as dúas parcelas ofertas a Tráfico / Concello de Pontevedra

Dúas parcelas que, no seu conxunto, suman máis de 13.000 metros cadrados. Son os terreos elixidos pola Dirección Xeral de Tráfico para trasladar o seu centro de exames, situado actualmente na Xunqueira de Alba.

O seu novo destino, se os responsables da DXT ratifican o acordo inicial alcanzado co Concello de Pontevedra, será o polígono industrial do Campiño.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que estas dúas parcelas son as preferidas por Tráfico de todas as que lles ofreceu o goberno municipal para liberar a zona ocupada no espazo natural protexido da Gándara.

O Concello acordou este xoves iniciar o expediente para enviar esta oferta de terreos para que a DXT a estude e avanzar así na súa cesión definitiva, que non tería custo para Tráfico, que con esta operación duplicaría o espazo que teñen na súa localización actual.

"Se aceptan, tramitaremos a cesión", subliñou Fernández Lores, que asegurou que o organismo estatal encargaríase de desmantelar todas as súas instalacións na Xunqueira de Alba.

Unha vez retirado este centro de exames, o goberno municipal impulsaría neses terreos unha actuación de renaturalización "semellante" á que fixo a Deputación de Pontevedra no espazo que ocupaban a imprenta provincial e o parque de maquinaria.

O rexedor pontevedrés destacou que "seguimos traballando" para cumprir coas indicacións recollidas na declaración como ENIL da Xunqueira de Alba, para o que espera que frutifiquen tamén as negociacións coa Xunta para trasladar os seus equipamentos.

OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO

Na Xunta de Goberno deste xoves, o executivo municipal tamén aprobou a licitación dun novo contrato para realizar pequenas obras de reparación e acondicionamento de vías e espazos públicos no rural, que custará 420.000 euros cada un dos seus dous anos.

Ademais, o Concello prorrogou un ano máis, por algo máis de 43.000 euros, o contrato con Viaqua para o control, mantemento e xestión das dezaseis fontes ornamentais que existen na cidade de Pontevedra, traballos que realizarán até xaneiro de 2026.