A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá na Estrada a sinatura do protocolo de coordinación dos órganos da Administración do Estado ante as posibles nevadas e outros fenómenos meteorolóxicos invernais que poidan afectar á rede de estradas da provincia.
Este protocolo ten por obxecto establecer os procedementos de actuación dos servizos, medios e recursos da Administración Xeral do Estado dispoñibles no ámbito provincial no caso de neve ou outras situacións metereolóxicas extremas, coa finalidade de reducir ao máximo as restricións ao trafico e evitar as retencións de vehículos.
Segundo manifestaba a subdelegada do Goberno, "esta coordinación posibilita activar todos os servizos e establecer os parámetros máis correctos e efectivos para mobilizar os medios necesarios no caso do bloqueo das estradas dependentes do Estado na provincia".
Maica Larriba explicou que, ademais, "dentro das operacións de vialidade invernal está previsto efectuar tratamentos preventivos no firme en situacións de baixas temperaturas naqueles sectores de autovías, autoestradas e estradas convencionais afectadas". Nos niveis máximos de emerxencia, se a situación o requirise, contémplase tamén a mobilización da Unidade Militar.
Larriba sinalou que "a nivel provincial contamos con tres Postos de Mando Avanzado, un deles correspondente á zona meridional da provincia, situado nos Túneles do Folgoso e que atende especialmente aos portos da Cañiza e Fontefría, o outro en Cerdedo-Cotobade, na zona central, que presta especial atención ao porto do Paraño, e outro en Lalín, que cubre a zona norte da provincia".
A presentación do protocolo invernal realizouse este ano no Centro de Conservación de Carreteras da Estrada, que se enmarca no Posto de Mando avanzado de Lalín.
En total a provincia dispón para realizar as tarefas de mantemento das estradas durante o período invernal de 10 camións quitaneves, 1 retropá cargadora, 1 pa mixta, 12 depósitos de sal cunha capacidade de 1.975 toneladas e catro plantas con 89.000 de salmoira acumulada. Ademais, os xestores das autoestradas AP-9 y AP-53 contan con nove camións quitaneves, 1.700 toneladas de sal y 233.000 litros de salmoira.
O protocolo, que estará vixente de novembro a abril, poderase activar en calquera momento se as predicións ou condicións metereolóxicas así o aconsellan.