Adeus ás filtracións que levaban anos no centro de saúde da Parda

Pontevedra
04 de decembro 2025
Actualizado: 11:30

A Xunta investiu 95.000 euros na reforma integral da cuberta. "Este edificio, desde pouco despois da inauguración, pola cuberta plana, tiña filtracións", recoñece o xerente da área sanitaria

Visita de Antonio Gómez Caamaño e José Flores ao centro de saúde da Parda

As filtracións que levaban anos afectando á actividade do centro de saúde da Parda xa son historia como resultado dunha obra de reforma

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, visitaron este xoves as obras.

A actuación supuxo unha reforma integral da cuberta, na que a Xunta de Galicia investiu 95.000 euros.

José Flores explicou que "este edificio, desde pouco despois da inauguración, pola cuberta plana, tiña filtracións". 

Isto implicaba, segundo o xerente, que "cada ano" había que ir "reparando de forma puntual" a cuberta, facendo "parches", pero sen lograr unha solución. Por iso é polo que se buscou unha solución que confían en que será "definitiva".

"A día de hoxe, con todo o que choveu neste mes, non temos filtracións", asegurou Flores, que confía en que "siga así". 

O conselleiro lembrou que esta mellora engádese a outras realizadas por máis de 191.000 euros neste centro de saúde nos últimos anos para unha nova climatización e para mellorar a eficiencia enerxética.

Gómez Caamaño indicou que esta actuación "encaixa perfectamente" na aposta da Xunta por mellorar as instalacións de atención primaria, que é "unha ferramenta fundamental dentro do sistema sanitario público". 

A atención primaria é "un elemento vertebrador do sistema", de maneira que a "obriga" da adminisración é, para o conselleiro, "protexela e mellorala".

O obxectivo desta reforma é "dobre", mellorar a calidade asistencial e mellorar os espazos nos que os profesionais exercen o seu traballo.