Adxudicada a obra para dotar de saneamento a Soutelo de Abaixo, en Saiar

Umia
22 de abril 2025
Actualizado: 17:32

A primeira fase da actuación contará cun orzamento de máis de 270.000 euros e será executada pola empresa Excavaciones y Construcciones Pérez Portela

Concello de Caldas de Reis
Concello de Caldas de Reis / Mónica Patxot

O Concello de Caldas de Reis está a completar a fase administrativa de actuacións con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente ao exercicio de 2024. Este é o caso da obra de instalación dunha nova rede de saneamento en Soutelo de Abaixo, pertencente á parroquia de Saiar.

O alcalde, Jacobo Pérez, confirmou que o proxecto, que foi aprobado polo Concello a principios deste 2025, foi adxudicado á firma especializada Excavaciones y Construcciones Pérez Portela.

Foron un total de cinco as empresas que se presentaron ao concurso de licitación. Finalmente, a obra contará cun orzamento que ascende a 270.817 euros.

Tal e como lembra o rexedor caldense, estes traballos equivalen a unha primeira fase, que se ampliará no futuro para seguir extendendo a rede de servizos básicos. 

"Estamos a falar dunha zona que abarca moito territorio, pero pouco a pouco imos avanzando para dotar ao noso rural de prestacións e infraestruturas de primeiro nivel, que garantan unha boa calidade de vida para a veciñanza", sinalou Pérez Gulín.

O alcalde anunciou que "se non se produce ningún contratempo, a obra dará comezo nos vindeiros días e será unha realidade en poucos meses".

Hai que lembrar que o Concello de Caldas de Reis tamén vén de impulsar en Saiar outra obra moi similar, para dotar de canalizacións de saneamento á contorna do núcleo da Igrexa.

No caso de Soutelo de Abaixo, a empresa adxudicataria procederá a ampliar a rede de recollida de augas, para que estas sexan tratadas na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).