A Xunta publica, no Portal de Contratos de Galicia, a adxudicación, por 116.160 euros, da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Barro.
A empresa adxudicataria ten o prazo de 1 mes para a redacción do proxecto básico desde a formalización do contrato.
Unha vez aprobado o proxecto básico, o prazo para a redacción do proxecto de execución é de dous meses.
O prazo para a dirección da obra será igual ao do contrato de obras ao que está vinculado, ao que se lle incrementará o tempo necesario para realizar os traballos de recepción, liquidación e prazo de garantía.
O plan funcional deste novo centro de saúde de Barro dótao de catro consultas de adultos, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona.
Isto supón, con respecto ao centro actual, incrementar nunha sala polivalente, unha consulta de enfermería pediátrica e unha sala de xuntas para o persoal, así como habilitar unha área da muller cunha consulta de matrona.
Ademáis contará con arredor de 800 metros cadrados, que suporá máis que duplicar a superficie de 320 metros cadrados do actual centro de saúde.
O novo equipamento figura na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en 2021, pero a celeridade do Concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata, e a ausencia de propostas concretas por parte doutros Concellos con centros incluídos na Fase 1, como Cangas ou O Grove, levaron ao goberno galego a impulsar a execución do centro sanitario de Barro.
O actual centro de saúde, cunha antigüidade de 40 anos, conta con accesos non axeitados, instalacións anticuadas e unha evidente limitación de espazos.