450.000 euros. Ese será o orzamento de execución do proxecto para crear unha senda peonil e un carril bici entre Chancelas e Combarro, en Poio.
O Concello de Poio acaba de adxudicar á empresa COVSA as obras para acondicionar o firme e crear a senda.
Dez empresas presentaron ás súas ofertas para este proxecto, que será cofinanciado entre a Xunta de Galicia, a través do Fondo de Cooperación Local, e o Concello de Poio, neste caso con fondos do plan +Provincia da Deputación.
Unha vez adxudicado o proxecto, nos próximos días a empresa deberá presentar un plan de seguridade e a acta de comprobación do replanteo para iniciar coas obras a principios de maio.
O prazo de execución é de seis meses, polo que as obras deberían estar remadas no último trimestre do ano, segundo a información facilitada polo Concello de Poio.
O alcalde, Ángel Moldes, destaca que esta actuación "é prioritaria e imprescindible para mellorar a accesibilidade e a comunicación" entre o núcleo da Bouza e Combarro, unha vía moi transitada pola veciñanza.
Moldes apunta que esta estrada está en estado de deterioro, producido pola circulación de vehículos e a erosión orixinada pola auga.
O proxecto contempla unha actuación única no Camiño Real de Chancelas, no tramo que vai entre os camiños da Bouza e o Camiño Loureiro.
Inclúe a mellora e rehabilitación do firme existente e a instalación de cunetas para facilitar a evacuación de augas pluviais e o seu reasfaltado, mellorando así o acceso ás parcelas agrícolas existentes na zona.
A plataforma para o tráfico rodado limitarase aos 4 metros de anchura, e crearase unha senda peonil e ciclista cun ancho mínimo de 2,5 metros.