A Consellería de Sanidade segue a equipar o futuro Novo Montecelo, nesta ocasión con compras por valor de case 1,3 millóns de euros.
En concreto, son 1.291.607 euros que a Xunta acaba de adxudicar a través de diversos contratos con destino a varios servizos do hospital.
Estes contratos foron adxudicados a catro empresas distintas.
O importe maior foi un contrato por valor de 544.500 euros á empresa General Electric para a compra de ecógrafos para xinecoloxía e obstetricia.
Ademais, adxudicouse á empresa PTW Dosimetría Iberia, S.L.U compras por importe de 358.765 euros para equipamento de dosimetría e control de calidade de aceleradores.
Outra das adxudicacións responde á compra de 13 ecógrafos de cirurxía xeral e dixestiva, por importe de 157.239 euros, da que resultou adxudicataria a empresa Celta Ingenieros, S.L.
Tamén se adxudicou, por importe de 231.103 euros á empresa Fujifilm, equipamento de endoscopia dixestiva.
Estas contratacións responden á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área de referencia de Pontevedra e O Salnés, mellorando a atención coa adquisición de equipamento preciso para a posta en marcha e funcionamento dos servizos vinculados ao plan funcional e de espazos do Novo Montecelo.
De forma paralela á obra, na que está a investir 170 millóns de euros, a Xunta está a levar a cabo a compra e instalación do equipamento do novo hospital por importe 30 millóns de euros de cara á próxima posta en marcha do centro hospitalario.